O obxectivo é que a iniciativa chegue este curso a 7.000 alumnos de 5ºe 6º de primaria e 1º de ESO Os materiais, completamente gratuítos para as familias, serán de acceso online e offline
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de abrir o prazo para que os centro soliciten incorporarase ao proxecto de libro dixital E- DIXGAL, enmarcado no Proxecto Abalar, estratexia para integración das TIC no ensino desenvolvida pola Xunta de Galicia. O obxectivo é que no vindeiro curso 2015/2016 os materiais dixitais, que son totalmente gratuítos para as familias, cheguen a un total de 7.000 alumnas e alumnos de 5ºe 6º de primaria e 1º de ESO.
Poderán participar no procedemento de selección desta nova convocatoria os centros de ensino adscritos á rede Abalar que impartan o vindeiro curso 5º de Primaria ou 1º de ESO. Para solicitaren a súa participación na iniciativa terán que presentar un proxecto no que indiquen as experiencias TIC desenvolvidas no centro, así como os seus obxectivos e logros acadados ata o momento no desenvolvemento da dixitalización do ensino, entre outros factores. Ademais, os centros terán que propoñer a unha persoa coordinadora do E-DXIGAL, preferentemente con experiencia no desenvolvemento de metodoloxías dida´cticas innovadoras, nas TIC e na organización de grupos de traballo.
O prazo para cursar a solicitude estará aberto ata o 12 de xuño. Os requisitos poden consultarse no Diario Oficial de Galicia, no enlace http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150511/AnuncioG0164-050515-0002_gl.html
Plataforma virtual
Os contidos didácticos albérganse nunha plataforma de aprendizaxe virtual á que os alumnos poden acceder tanto de xeito online como offline a contidos curriculares completos e gratuítos para as familias facilitados pola Xunta como a aqueles elaborados polos propios docentes dos centros educativos. Nesta plataforma, os centros que o desexen, poderán analizar unha mostra dos novos contidos dispoñibles para este curso.