Un total de 111 novos centros escolares incorporarán o libro dixital nas súas aulas por primeira vez o próximo curso 2018/19, polo que o proxecto de educación dixital, E-Dixgal, acada os 264 centros beneficiados (un 70% máis que o curso pasado) e chegará a 18.000 alumnos (40% máis que o pasado curso). Todos eles -estudantes de 5º e 6º curso de Primaria e 1º e 2º de ESO- recibirán unha ensinanza completamente dixital.
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de publicar a resolución, aínda provisional, (que pode consultarse no enderezo electrónico http://www.edu.xunta.gal/portal/node/25543 ) na que se dan a coñecer os centros E-Dixgal para este novo curso.
Do total dos 264 centros E-Dixgal, 91 son da provincia da Coruña (37 novos para o vindeiro curso), 47 de Lugo (22 novos), 19 de Ourense (11 novos) e 107 de Pontevedra (40 novos). Por ensinanzas, 162 deles incorporan o libro dixital na etapa de Primaria, 73 en Secundaria e outros 29 fano en Primaria e Secundaria.